A Laracha | Rueiros da Vila converterá Caión nun festival musical e cultural


A segunda edición dos Rueiros da Vila converterá Caión entre o 20 e o 28 de agosto nun festival musical e cultural con concertos e actividades lúdicas dirixidas a todos os públicos.

O evento foi presentado este venres por unha ampla representación do goberno local encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela, xunto a Mahoney, o responsable da entidade que xestiona o programa.

O rexedor municipal referiuse aos Rueiros da vila como unha iniciativa “ambiciosa, ampla e gratuíta para o público asistente que financia integramente o Concello”. Explicou que nesta ocasión se celebrará en agosto, “o principal mes das vacacións”, co propósito de “remarcar o carácter de Caión como punto de referencia turística”. Ademais, destacou que ao mesmo tempo que se propoñen actividades para todos os públicos, “tamén se dá a oportunidade de actuar a grupos locais”.

Pola súa parte Mahoney puxo en valor a oferta “plural, nutrida e de carácter itinerante” que permitirá que poidan desfrutar dos eventos “desde os nenos ata os avós”. Considera que “o 50 % da programación é o propio enclave e os catro escenarios únicos que teremos”.

A música será a gran protagonista dos Rueiros da vila e encherá todos os recunchos de Caión durante esas xornadas ao estar habilitados catro escenarios diferentes para aproveitar todo o potencial que ofrece a localidade.