A Laracha saca a licitación tres novos proxectos que suporán un investimento de 200.000 euros

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

Continuando coa mellora da rede viaria municipal, o Concello da Laracha vén de sacar a licitación outros tres proxectos desas características que suman un importe total próximo aos 200.000 euros.

Na parroquia de Erboedo realizaranse catro intervencións diferenciadas. En Novás será mellorada a rede de pluviais e acondicionados os sobreanchos da calzada. Nos núcleos de A Ferrulleira, San Paio e O Igrexario renovarase a superficie de rodadura e realizarase a correspondente sinalización horizontal.

En Lemaio as obras de mellora do pavimento e da sinalización afectarán aos lugares de A Fontaíña e Proame.

En Golmar intervirase en As Talladas, onde será preciso instalar unha bionda de seguridade e mellorar a rede de pluviais, e tamén na estrada que comunica Groba con Vilar do Boi, xa pertencente á parroquia de Soutullo.

E en Montemaior renovarase o pavimento nas estradas de O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán.