O Concello da Laracha abriu este venres o novo procedemento de selección dun xefe de brigada contra incendios forestais e de creación dunha bolsa de emprego para a contratación laboral temporal de brigadistas de prevención, vixilancia e defensa contra incendios forestais. As bases poden consultarse na web municipal.
Este novo procedemento selectivo faise despois da renuncia das persoas que quedaran na lista de reserva de xefes de brigada na oposición desenvolvida na primeira quincena de xullo e ante a necesidade de cubrir dita praza para formar a nova cuadrilla tralo desenvolvemento das probas de selección dos dous peóns e dous peóns condutores completada este xoves.
As persoas aspirantes ao posto de xefe de brigada deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Enxeñeiro de Montes, Enxeñeiro Técnico Forestal, técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos, técnico en traballos forestais e conservación do medio natural ou formación profesional equivalente. Tamén deben posuír o carné de conducir B en vigor.
A selección do persoal laboral temporal realizarase mediante un procedemento áxil que respectara en todo caso os principios de igualdade, merito, capacidade, publicidade, transparencia, obxectividade, eficacia, eficiencia e axilidade. As probas selectivas serán polo sistema de concurso-oposición libre.
O prazo de presentación de instancias é de cinco días hábiles, polo que rematará o martes día 20 de agosto, dado que, –o venres 16 é festivo local-.
Desde o pasado 1 de agosto no Concello da Laracha –co apoio da Consellería de Medio Rural- está operativa unha brigada completa. O desenvolvemento deste novo procedemento selectivo permitirá crear a segunda, reforzando así o traballo que se está a levar a cabo na prevención, vixilancia e defensa contra incendios forestais no termo municipal.