A Laracha solicita poder eliminar as restricións horarias para a práctica de actividade física en vías e espazos públicos

1 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, solicitou por escrito á Delegación do Goberno a eliminación en todo o termo municipal das restricións horarias para a práctica de actividades físicas individuais e paseos ao aire libre por vías e espazos públicos vixente en localidades con máis de 5.000 habitantes.

O rexedor municipal basea a súa solicitude en que a Delegación do Goberno no Principado de Asturias interpreta que a unidade de referencia é calquera núcleo de poboación separado dunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes, mentres que para a Delegación do Goberno en Galicia o ámbito de aplicación da norma é o termo municipal ao completo.

No caso do Concello da Laracha, a poboación total ascende a preto de 11.500 habitantes, pero en ningún dos máis de trescentos núcleos nin en ningunha das trece parroquias se supera a cifra de 5.000 persoas.

Por eses motivos, José Manuel López Varela solicita á Delegación do Goberno en Galicia que teña en conta o mesmo criterio que en Asturias para evitar privilexios que atenten contra os principios de igualdade e sempre pensando no benestar do conxunto da veciñanza larachesa.