- Tamén buscará axudas para a contratación de persoal na oficina de turismo
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na Laracha, celebrada este xoves, acordouse solicitar a participación do Concello en dúas convocatorias de axudas promovidas pola Deputación da Coruña.
Unha delas consiste na adhesión ao programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios para o exercicio 2021. O Concello pretende acollerse a dúas liñas de axudas relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia. A contía da achega ao Concello da Laracha a través deste programa ascende a 223.639,60 euros.
Por outra parte, tamén solicita participar no programa de subvencións para financiar o gasto do persoal técnico das oficinas de turismo durante o ano actual.