- O Concello creará un equipo de peóns para o desenvolvemento de servizos xerais municipais durante un período de nove meses
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da Laracha, celebrada este xoves, acordouse solicitar a participación do Concello na convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, a renda de integración social de Galicia. A través desta liña de axudas o Concello pretende crear un equipo de peóns para o desenvolvemento de servizos xerais municipais durante un período de nove meses. O importe da subvención solicitada supera os 20.000 euros.
Na reunión tamén se autorizou a participación na convocatoria de Augas de Galicia para a concesión de axudas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación, dotándoas cun instrumento básico de planificación para xestionar posibles episodios de seca.