A Laracha someterá o venres a Pleno a transformación da Avenida Doutor López Astray

Este venres celebrarase a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de setembro. Os asuntos que se elevarán para a súa votación por iniciativa do grupo de goberno foron sometidos previamente aos correspondentes ditames da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno que se celebrou este martes.

Así, unha das cuestións consiste na proposta de acordo para solicitar á Deputación da Coruña tanto a transferencia da titularidade da Avenida Doutor López Astray, tramo urbano da estrada provincial DP-1913 ao seu paso pola vila da Laracha, como a subvención nominativa para financiar integramente a obra de humanización desa vía.

Esta proposta elévase ao Pleno trala recente reunión mantida no Concello entre o alcalde e o vicepresidente da Deputación, na que José Manuel López Varela presentou a Xosé Regueira o anteproxecto, valorado en 1,3 millóns de euros. Preténdese habilitar unha plataforma única nesa vía para convertela nun espazo máis accesible e habitable optimizando o equilibrio entre peóns e vehículos e dando un maior protagonismo ás arbores, os plataneiros existentes que quedarán integrados no entorno. A transformación da avenida implica o establecemento do sentido único de circulación en dirección saída e habilitar espazos de aparcamento a ambas marxes.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha