A Laracha sumarase á rede para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

Este venres celebrarase no Concello da Laracha a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de setembro, á que se elevarán cuestións que serán sometidas o luns a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Especiais do Pleno.

Unha delas é a adhesión do Concello da Laracha á rede de entidades locais para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030 de forma transversal nas políticas públicas municipais. No caso de alcanzarse o acordo plenario, o Concello comprometeríase a aprobar un plan de actuación ou estratexia local que elabore unha análise da situación e un plan de localización e implementación dos ODS, cumprir as obrigas establecidas nas normas de funcionamento da rede de asumir a declaración da Axenda 2030 aprobada pola Federación Española de Municipios e Provincias.

Outros asuntos

Outro asunto no que o Pleno deberá pronunciarse o venres será a proposta de participación no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+). A Deputación da Coruña aprobara neste verán a modificación das bases para a regulación do POS+ Adicional 2/2022, correspondéndolle ao Concello da Laracha unha asignación de 616.381,54 euros. Desa cantidade, 374.339,92 euros foran solicitados para actuacións de investimentos financeiramente sostibles. Agora proponse que os 242.042,62 euros restantes se destinen integramente ao financiamento de gasto corrente.

Ademais, proporase ao Pleno a aprobación do Plan xeral de prevención de riscos e medidas anti-fraude de acordo ás obrigas establecidas para aquelas entidades que participen na execución de medidas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Salientar, por último, a proposta de cambio de nome da praza Olonne sur Mer da Laracha por Les Sables d’Olonne, de acordo ao nome actual do municipio francés co que está irmandado o Concello da Laracha.