A Laracha sumou esta fin de semana 18 denuncias por incumprimento das normas

Vehículo da Policía Local

  • O domingo pola tarde os axentes interceptaron a doce mozos no paseo fluvial do Anllóns

A Policía Local da Laracha efectuou 18 sancións durante esta fin de semana despois de que a Xunta flexibilizara as restricións o venres 26. As persoas afectadas incumprían varias normas como non portar a máscara, fumar sen manter a distancia de seguridade, exceder o número máximo de persoas non convivintes nunha reunión e saltarse o toque de queda.

O caso cun maior número de implicados sucedeu o domingo preto das 19:00 horas, cando unha patrulla de axentes disolveu un grupo de doce mozos no paseo fluvial do Anllóns tras recibir a chamada dun particular. Tamén foi denunciada unha persoa por consumo de alcohol na vía pública.

A Policía Local está facendo máis fincapé no control das medidas vixentes e lembra só se permite non usar a máscara na vía pública cando se consume algún alimento, bebida ou se fuma, se ben a persoa non deberá estar en movemento nin en presenza de viandantes.

Por último, en canto ao labor de control da circulación na rede viaria, na noite do sábado foi interceptado un condutor que arroxou un resultado positivo na proba de estupefacientes, polo que tamén se iniciou o correspondente expediente sancionador.