- A unidade móbil estará este mércores na Praza do Concello
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron este martes a campaña de verán de doazón de sangue que, do mesmo xeito que en anos anteriores, conta coa colaboración municipal.
Segundo os datos achegados por ADOS, A Laracha é o concello de Bergantiños que presenta unha maior taxa de doazón, con 45 por cada mil habitantes en 2020, superando en dez puntos a media comarcal e en dezaseis a media galega. Como dato global, no ano pasado realizáronse 508 doazóns nas unidades móbiles desprazadas ao termo municipal da Laracha.
A directora de ADOS afirmou que «Galicia está no terceiro posto estatal en taxa de doazón de sangue, soamente por detrás de Estremadura e Castela e León». Sen embargo, apuntou a dificultade do verán con respecto a outros momentos do ano porque «é unha época na que se rompen os hábitos, pero a pesar diso nós temos que continuar garantindo o abastecemento nos hospitais».
De cara o futuro, sinalou que o reto será «achegarse á xente nova», xa que neste ano foi máis complicado debido á menor presenza de estudantes nas universidades por causa da situación sanitaria, o que supuxo que se reducise o número de novos doantes. Tamén apuntou que os grupos sanguíneos que presentan un menor volume de reservas e, por tanto, unha maior necesidade de doazóns no momento actual son os 0+, 0- e B+.
Pola súa parte, o alcalde valorou que A Laracha se manteña no primeiro posto en taxa de doazón na comarca de Bergantiños, agradecendo «o xesto altruísta da veciñanza». O rexedor considera que «para as diferentes administracións ten que ser unha obriga colaborar nestas campañas promovidas por ADOS para, entre todos, axudar a salvar vidas». A unidade móbil de ADOS estará este mércores na Praza do Concello en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.