- Os espectáculos están especialmente dirixidos ao público infantil e familiar
Por segundo ano consecutivo non será posible organizar as festas do Carme e Corpus como no pasado debido á situación sanitaria, pero o Concello da Laracha, en colaboración coa Deputación da Coruña, programou dous eventos culturais dirixidos a todos os públicos, especialmente ao infantil e familiar.
Este venres, a partir das 22:30 horas, proxectarase o filme galego-cubano de animación Maimiño e o espello máxico. Trátase dunha adaptación libre do clásico conto Pulgariño. Esta actividade desenvolverase no aparcamento xunto á casa reitoral, moi preto da praza Eduardo Vila Fano.
O domingo ao mediodía haberá un pasarrúas pola vila de Caión a cargo do grupo Xacarandaina mentres que pola tarde, desde as 19:30 horas e de novo no aparcamento xunto á casa reitoral, haberá teatro infantil con Acuario, unha peza de Ghazafelhos baseada no libro de poemas de María Canosa e posto en escena con actores e monicreques que lle imprimen humor e dinamismo.
O acceso a ambos eventos será gratuíto e por orde de chegada ata completar a capacidade máxima permitida no recinto. Non é preciso reservar praza e será obrigatorio o uso da máscara.