O orzamento do Concello da Laracha foi aprobado este mércores en Pleno Extraordinario cos votos a favor do grupo do goberno (Partido Popular) e o posicionamento en contra dos edís dos grupos socialista e do BNG. O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu o labor “dos servizos económicos municipais, especialmente do departamento de intervención, que posibilitou traer os orzamentos ao Pleno antes de final de ano e que A Laracha sexa un dos primeiros Concellos da provincia en aprobar as súas contas para 2021”. Segundo o alcalde “estes son os mellores orzamentos que se poden presentar nestes momentos”, nos que se garante a atención das necesidades do Concello tanto na prestación de todos os servizos de competencia municipal (principalmente, axuda no fogar, recollida de lixo, iluminación, ciclo da auga, limpezas de instalacións públicas e mantemento da rede viaria) e o mantemento en bo estado das infraestruturas como nas retribucións do persoal laboral e funcionariado. Este último capítulo presenta un lixeiro aumento debido ao incremento das retribucións previsto no proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 e tamén pola incorporación desde principios de ano de persoal interino para o desenvolvemento de proxectos vinculados ás medidas derivadas da loita contra a pandemia. López Varela afirmou que “os orzamentos son un documento vivo e aberto a modificacións”. Por iso agarda que “aumenten ao longo do ano tanto por transferencias doutras administracións como pola incorporación de remanentes”, o que permitiría incrementar as cifras e realizar máis programas sociais, poñer en marcha novos servizos e acometer actuacións de investimento. Por iso lembrou que “o pasado ano aprobamos uns orzamentos de algo máis de oito millóns de euros e, tralas variacións aplicadas, pecharase en máis de dezaseis millóns”.
A Laracha terá un orzamento «vivo» de 8.305.000 euros en 2021
Concello da Laracha