Como se anunciou recentemente, o próximo venres celebrarase no Concello da Laracha un Pleno extraordinario ao que se elevará a proposta do goberno local da aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que posibilitaría incorporar aos orzamentos municipais un total de 591.620,46 euros do remanente líquido de tesourería como fonte de financiamento.
Entre as iniciativas que se pretenden promover con eses fondos están a xa anunciada compra das Torres de Cillobre, e tamén outras propostas relacionadas con diversas temáticas, como por exemplo a promoción da cultura e do deporte ou a mellora de estradas e da seguridade viaria.
Para o goberno local dúas desas actuacións son consideradas como prioritarias.
Así, 60.000 euros quedarían consignados para o financiamento da nova fase de execución do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo. Unha vez adquirida polo Concello a parcela anexa ao centro de ensino e realizada a correspondente limpeza integral da mesma, esta actuación tería por finalidade o acondicionamento dese espazo para facilitar os accesos ao colexio tanto do transporte escolar como dos vehículos particulares e habilitar unha nova e ampla zona de aparcamento.
A outra intervención prioritaria nas infraestruturas públicas a financiar co remanente sería a mellora da balaustrada do paseo marítimo de Caión entre a praza Eduardo Vila Fano e o acceso principal á praia, afectando por tanto a un tramo do Sendeiro de Saldoiro, onde ondea xa a bandeira Sendeiro Azul izada polo alcalde, José Manuel López Varela, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. O investimento alcanzará os 30.000 euros.
O próximo martes a proposta de aprobación do suplemento de crédito e do crédito extraordinario será sometida a ditame en Comisión Informativa antes de ser elevada ao Pleno extraordinario do venres.