A Laracha | Última fase da mellora das pistas polideportivas e no vestiario de O Vilar

1 minutes read

O vindeiro día 4 de decembro finalizará o obradoiro de emprego A Laracha V. O alumnado traballador das dúas especialidades está a rematar as últimas intervencións previstas. Mentres que a especialidade de carpintería de madeira continúa traballando na renovación da pasarela do paseo fluvial do Anllóns, a de pintura industrial centra a súa actividade na pista polideportiva de O Vilar, na parroquia de Cabovilaño.

Aproveitando as condicións meteorolóxicas favorables, avanzaron no repintado con cor verde de toda a superficie da pista, que é o paso previo ao marcado dos diferentes campos de xogo. Previamente xa realizaran a completa limpeza da mesma e a mellora dos equipamentos (canastras e porterías) e do peche perimetral de malla.

A parte dos traballos xa rematada foi o repintado do interior e das fachadas exteriores do edificio dos vestiarios anexo ás pistas.

Con esta ampla intervención o Concello pretende potenciar o uso desta infraestrutura municipal como modo de promoción da práctica da actividade deportiva e, por tanto, dos estilos de vida saudables, especialmente entre a mocidade.