A Laracha únese ao programa para o control da Covid-19 nos efectivos da Policía Local

1 minutes read

O Concello da Laracha formalizou a súa adhesión ao convenio coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a posta en marcha do programa de control da Covid-19 nos efectivos da Policía Local.

De acordo ao convenio, o Sergas realizará test de detección da Covid-19 a todos os axentes que realicen funcións de policía local ou de auxiliar de policía na Laracha.

O texto establece que os efectivos da policía local extremarán as medidas de illamento social vixentes, restrinxindo os contactos e limitándoos aos imprescindibles. No caso de que houbese contacto estreito dalgún efectivo cun enfermo sintomático de Covid-19, deberá cesar no servizo e manterse en corentena domiciliaria durante catorce días vixiando a aparición de síntomas. En caso de presentar síntomas respiratorios, tampouco desenvolverá as súas funcións encomendadas e deberá autoaillarse no seu domicilio ata a súa completa recuperación.

Pola súa parte, o Concello comprométese a incluír os resultados obtidos pola realización dos test nos estudos epidemiolóxicos que poida levar a cabo, ademais de empregalos para a posta en marcha de campañas de divulgación e prevención sanitaria. Tamén deberá incluír nas formacións dos efectivos os aspectos de hixiene, prevención e control de casos de contaxio por Covid-19.

O convenio, que terá unha vixencia mínima de seis meses, non implica custos económicos para o Concello.