A Laracha V, actúa nas pistas polideportivas e no vestiario de O Vilar en Cabovilaño


O alumnado da especialidade de pintura industrial do obradoiro de emprego A Laracha V comezou a actuar na mellora da pista polideportiva descuberta de O Vilar, na parroquia de Cabovilaño, incluíndo tanto a zona de xogo como os vestiarios.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, mantiveron un encontro co persoal do obradoiro de emprego no propio punto de intervención para coñecer in situ o desenvolvemento das primeiras actuacións, centradas na limpeza integral de ambos equipamentos. Con estes traballos o Concello pretende potenciar o uso desta infraestrutura municipal como modo de promoción da práctica da actividade deportiva e, por tanto, dos estilos de vida saudables, especialmente entre a mocidade.

O obradoiro de emprego A Laracha V, que rematará no mes de decembro, ten un orzamento total de 863.000 euros. O Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando por estes programas duais de formación e emprego que permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal.