A Laracha vai formar parte dun programa europeo centrado na crise migratoria

1 minutes read

Os socios son 21 municipios e entidades de 20 países europeos diferentes (España, Alemaña, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Rumanía e Suecia). 

O mércores día 15 de novembro ás 10:15 horas na Casa da Cultura será a inauguración oficial e a presentación do proxecto. A continuación, todos os participantes terán tempo ao longo da mañá para facer unha presentación das realidades socioculturais dos seus países de orixe. Pola tarde farase unha visita a Caión para coñecer a vila e manter un encontro con profesionais do sector pesqueiro.

Na xornada seguinte, o xoves día 16, haberá unha mesa redonda na Casa da Cultura a partir das 10:00 horas. Baixo o título Maior integración, maior riqueza social e cultural farase un encontro con migrantes e responsables de ONGs expoñendo testemuñas reais. A continuación, ás 12:00 horas, será o acto central do evento, consistente na cerimonia de irmandamento e a sinatura do Pacto de Amizade por parte de todos os participantes que formará a rede de futuras colaboracións. Xa pola tarde está prevista unha visita ao Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela coa que se pechará o programa.