A Laracha | Normalidade no inicio do curso escolar


Este luns celebrouse unha nova reunión do comité municipal de seguimento ante a Covid-19, no que participaron o alcalde, José Manuel López Varela, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o xefe da Policía Local e o secretario do Concello.

Na sesión deuse conta do inicio do curso escolar sen incidentes na escola infantil A Galiña Azul nin nos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión, nos que o Concello reforzou a frecuencia das limpezas e desinfeccións durante o horario lectivo en cumprimento do protocolo establecido pola Xunta de Galicia. Cabe lembrar que representantes do goberno local –encabezados polo alcalde- mantiveron reunións cos directores dos centros días antes do regreso ás aulas para ultimar os preparativos e revisar os protocolos de actuación na volta da actividade.

Coincidindo co inicio do curso tamén se retomou o programa Madrugadores e o servizo de aula lúdica recuperou o seu horario de tarde nas instalacións do edificio de servizos múltiples despois de que no verán se prestase pola mañá no colexio da Laracha.

O comezo das clases tamén supón o regreso do programa Educa en positivo -impulsado polo Concello e a Consellería de Política Social- que pretende responder dun xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.