- O texto adaptarase ás modificacións normativas autonómicas e estatais, e permitirá unha mellor organización da feira de Paiosaco
O Concello da Laracha celebrará este venres o pleno ordinario do mes de marzo, e o tema a debatir máis destacado é a proposta de modificación do regulamento municipal de venda ambulante e produtos do campo. O cambio ten por finalidade adaptar o texto actual –vixente desde o ano 2009- ás últimas modificacións normativas tanto a nivel estatal como autonómico. Na práctica, isto implicará poder avanzar cara unha mellor organización da feira de Paiosaco, que se desenvolve o primeiro e terceiro domingos de cada mes, e tamén do mercadillo dos luns en Caión.
O pleno votará o venres a proposta de aprobación inicial do novo texto do regulamento, e a continuación publicaríase no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Antes de proceder á aprobación definitiva estaría un mes en exposición pública.
Tamén se elevará ao pleno o trámite administrativo da proposta de solicitude á Consellería de Cultura, Educación e Universidade do cambio de uso das antigas escolas da Areosa para convertelas de xeito oficial nun centro sociocultural. Nos últimos anos ese inmoble, de titularidade municipal e situado moi próximo ao CEIP Otero Pedrayo, xa acolleu actividades culturais incluídas na programación municipal.
Outro dos asuntos que se tratarán este venres será a mostra de apoio á declaración da Costa da Morte como Reserva mundial do surf.
O PSOE presenta 32 enmendas ao regulamento municipal de venda ambulante
A portavoz do grupo socialista de A Laracha, Palomi Rodríguez, presentou 32 emendas á modificación do Regulamento municipal de venda ambulante e produtos do campo. A responsable socialista presentou as súas aportacións “con espírito construtivo” para garantir a necesaria mellora técnica e a seguridade xurídica dun texto que foi presentado dende a Alcaldía.