- O pleno comezará a partir das 13:30 horas
O Concello da Laracha celebrará este venres, a partir das 13:30 horas, unha sesión plenaria na que entre outras cuestións serán votadas pola Corporación as aprobacións iniciais de dúas novas ordenanzas municipais cuxo texto foi sometido a ditame da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Xerais do Pleno: o novo Programa Harmoniza e a ordenanza reguladora do funcionamento e admisión do viveiro de empresas do concello.
O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha englobará, adaptará e regulará o funcionamento dos servizos municipais de aula lúdica e Madrugadores que se viñan prestando no Concello como medidas de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Esta nova normativa, necesaria para futuras licitacións públicas, garante a continuidade do programa durante os próximos anos e facilitaría a incorporación de novos servizos se así fose necesario.
Por outra banda, a nova normativa de admisión ao viveiro establecerá, entre outras cuestións, os criterios de baremación dos proxectos e os membros do órgano de valoración. Complementando a esta normativa municipal, tamén se propón aprobar a correspondente ordenanza fiscal que estableza un prezo de aluguer de 900 euros por trimestre cada unha das dúas naves industriais e de 180 euros por trimestre cada un dos oito espazos de coworking.
Seguindo coa orde do día, a Corporación deberá pronunciarse sobre a conformidade co proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga coa construción dun novo depósito de cabeceira na parroquia de Golmar. O Concello e Augas de Galicia teñen en vigor un convenio para o cofinanciamento desta obra, valorada en máis de 1.850.000 euros.
Ademais, proponse a adhesión do Concello á nova sección da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), denominada Municipios en Transición Justa-Acom, en aras de garantir unha mellor defensa das necesidades locais comúns para aproveitar as oportunidades dos fondos europeos vinculados a políticas de transición xusta.
Salientar, tamén, a proposta de aprobación dunha addenda ao convenio en vigor entre o Concello e a Xunta de Galicia para a asunción da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos da Policía Local. O propósito da mesma é excluír desa delegación os procesos de promoción interna.