- O novo persoal contratado estará operativo a partir da próxima semana
O próximo luns comezarán a traballar na Laracha as trece persoas contratadas no marco do programa de integración laboral PEL-Concellos Reactiva 2021 impulsado pola Deputación da Coruña. En concreto son nove peóns, dous capataces e dúas traballadoras como persoal de servizos xerais os que se incorporarán á plantilla municipal durante os próximos sete meses.
Este xoves o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Rocío López, déronlles a benvida nun acto desenvolvido na Casa da Cultura, no que tamén se trataron cuestións organizativas referidas fundamentalmente ás funcións a desenvolver e aos horarios.
Os capataces e peóns formarán cuadrillas de obras e servizos. Encargaranse de actuacións moi diferentes como o mantemento de infraestruturas públicas, a colocación de sinalización, a reparación de beirarrúas e sumidoiros, o acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, conservación medioambiental ou a limpeza viaria. O persoal de servizos xerais desenvolverá principalmente traballos de índole administrativa.
O proceso selectivo realizouse polo sistema de concurso-oposición, valorándose a experiencia profesional e a formación de cada candidato, ademais da realización dunha proba escrita.