- Ascenden a 8.618.000 euros
O Concello da Laracha comezou este xoves a operar cos novos orzamentos xerais municipais do exercicio económico 2022 unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación definitiva dos mesmos, ademais do cadro de persoal.
Previamente as contas foran aprobadas con carácter inicial polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o pasado día 7 de xaneiro. Durante o período de exposición pública presentouse unha única alegación que foi desestimada por unanimidade dos tres grupos municipais na sesión plenaria do pasado venres.
Os presupostos do novo exercicio económico están equilibrados en gastos e ingresos e ascenden a 8.618.000 euros, sendo o fiel reflexo das liñas prioritarias para o goberno local: a blindaxe dos servizos sociais (1.775.000 euros, o que supón o 20 % do total), o esforzo investidor (1.240.000 euros para a mellora de infraestruturas municipais), o apoio ao asociacionismo e aos estudantes e a conxelación de impostos e taxas municipais (IBI, recollida de residuos sólidos urbanos, etc.), manténdose nos tipos mínimos que permite a lei.