A lava segue avanzando cara ao mar na Palma mentres o volcán non cesa na súa erupción


As imaxes proporcionadas polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), falan por si soas. O volcán de Cume Vello segue ruxindo e a lava segue avanzando inexorablemente cara ao mar na illa da Palma. Aínda que agora faio a menos velocidade da prevista, uns 120 metros por hora, o que atrasará aínda máis do esperado a súa chegada ao mar, sempre ante a atenta mirada e control de equipos como a Unidade de Resposta Xeolóxica de Emerxencias, o Servizo de Traballos Aéreos do IGME e os servizos de riscos xeolóxicos da oficina de Canarias do mesmo instituto.

A pequena localidade de Todoque, completamente desaloxada, é a nova vítima dunha coada ante a que só se pode mirar. Algúns, de feito, achéganse demasiado a facelo, a pesar dos rogos das autoridades e de moitos veciños. «Hai moita xente que está a pensar que isto é un espectáculo», lamentábase un palmeiro. «E non, aquí a xente está a perder as súas casas. Eu tiven a sorte de que a miña non se viu afectada, pero a xente está a tomarse isto a broma, e hai que ter un pouco de consideración».

Máis de 200 casas foron xa sepultas por lava, que cobre ata o de agora 106 hectáreas de terreo e que obrigou a desaloxar a case 6.000 persoas. En danos, os números ascenderán a 400 millóns de euros. Cifras todas elas que poden seguir aumentando, pois ninguén sabe de certo cando deixará de brotar magma. O Goberno é consciente de que queda moito traballo por diante, como confirmaba á prensa o propio presidente Pedro Sánchez.