A Lei de recuperación da terra agraria facilitará superficie a quen a desexe traballar


Este sábado entrou en vigor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia cara a facilitar superficie a quen a desexe traballar. Esta Lei recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación. O fin que se persegue é poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Segundo medio Rural, “unha caixa de ferramentas para tratar de acadar o obxectivo fundamental de poñer en valor a nosa terra”.

Esta lei promove a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Todo isto fará posible anticiparse aos lumes forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural e mellorar a calidade de vida da poboación. Ademais con esta norma contémplanse solucións á dispersión e ao pequeno tamaño das parcelas, que comporta dificultades técnicas para o cultivo mecanizado. O enorme grao de descoñecemento da titularidade dos predios complica os procesos de mobilización, polo que a lei facilitará moito neste caso a súa xestión.

A nova norma rexerá un conxunto de instrumentos voluntarios para mobilizar a terra, que convivirán coa declaración de novas concentracións parcelarias en lugares nos que haxa iniciativa agrícola e gandeira. Entre eles salientan os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta, que “garanten a seguridade xurídica para propietarios e destinatarios, así como a rendibilidade”.