A Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor o 1 de setembro


A nova Lei do ciclo integral da auga entrará o vindeiro 1 de setembro en vigor, tras a súa publicación este venres no Diario Oficial de Galicia. Trátase dunha lei que a Xunta impulsa para apoiar aos concellos na xestión do abastecemento e a depuración, mellorando a calidade dos servizos aos cidadadáns e reforzando o coidado das rías e dos ríos.

O carácter transformador desta Lei permite a súa configuración como ferramenta de axuda aos concellos para unha xestión dos servizos urbanos da auga, de competencia directa das entidades locais.

A nova norma, a que os concellos poderán adherirse de forma voluntaria, fomenta unha xestión profesional dos servizos urbanos da auga. Así, naqueles municipios que así o soliciten, Augas de Galicia encargarase da explotación das infraestruturas hidráulicas, como xa está a facer nos 28 concellos nos que actualmente está a xestionar as súas depuradoras.

A nova lei contribuirá a evitar a chegada de augas brancas ás depuradoras, que estas funcionen mal ou que haxa fugas nas redes municipais que nalgúns concellos acadan o 80%.

A normativa tamén supón aplicar unhas tarifas transparentes e homoxéneas en toda Galicia, que respectan a autonomía municipal e non supón incremento de tarifas nin imposición de ningún tipo.

Ademais, con esta nova norma porase á disposición dos concellos que queiran xestionar os seus sistemas novas ferramentas: un programa de formación periódica e directrices que lle sirvan de guía, para que poidan acadar unha xestión eficiente.

Deste xeito, establécese un marco normativo para blindar a calidade nos servizos, a eficiencia na explotación das infraestruturas hidráulicas e a viabilidade económica dos sistemas, marcando un antes e un despois na calidade dos servizos da auga aos cidadáns e no coidado das rías e dos ríos.