A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou este mércores por 1.594.905 euros a obra de remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol de Carballo, para reducir o risco de inundacións do río Anllóns. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de maio. As obras contarán cun prazo de execución de 8 meses.
A actuación ten como obxectivo unha mellor protección fronte ás enchentes no río Anllóns, para o que é preciso a demolición dunha edificación, a remodelación da ponte e creación dun canle de augas altas na rúa Sol. O proxecto inclúe, ademais, o derrubamento de tres treitos de escaleiras, unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e a habilitación dunha senda coa extensión de 600 m2 de pavimento.
Nas obras licitadas agora inclúese, ademais, a demolición e construción dunha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida. A intervención comprende, finalmente, a instalación dunha pantalla lateral de contención e a habilitación de dúas pasarelas de acceso ao paseo fluvial para dotar de acceso á senda.