A Deputación da Coruña saca a licitación por case 300 mil euros a construción dunha senda peonil na DP-1201 de Rodiño a Codeso por Boqueixón, no Concello de Boqueixón.
A obra levarase a cabo en dous treitos da estrada, o primeiro desde o punto quilométrico 2+360 ao 2+720 e o segundo do 4+500 ao 5+200, e permitirá crear unha senda peonil de 1,8 metros de ancho na marxe esquerda da vía. Esta proxectarase mediante unha capa de 15 centímetros de formigón coloreado.
Con estas actuacións o ente provincial pretende mellorar a seguridade viaria desta estrada, garantindo a coexistencia entre peóns e automóbiles, mellorando deste xeito de forma importante as súas condicións e funcionalidade.
Conxuntamente coa construción da senda, executarase un bordo de formigón no seu exterior e reporanse as beirarrúas cunha capa de 10 centímetros de formigón coloreado das mesmas características da senda adxacente.
Ademais, a rede para a recollida de pluviais resolverase mediante un colector en PVC baixo a senda proxectada e arquetas con sumidoiro. A rede de servizos completarase mediante a canalización para a iluminación pública baixo a senda.
As obras teñen un prazo de execución de seis meses a partir do seu inicio.