Esta primeira fase do parque acuático encargarase de tres puntos principais como serán os accesos, os espazos infantís, así como as novas piscinas. Deste xeito levarase a cabo a “creación dunha nova zona de acceso e un aparcamento; un novo edificio de acceso, con vestiarios, zona de administración e oficinas; nova zona de xogos acuáticos para idade infantil; reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns; creación de novas zonas de lecer; así como a dotación de novas instalacións de saneamento e abastecemento”.
O proxecto conta cunha zona deportiva e unha zona acuática como dúas partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense. A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano. Cómpre lembrar que durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas.
O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.
