A Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel en Coristanco, cun investimento de máis de 664.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. Este centro conta con 314 alumnos e ten un equipo de persoal docente de 42 profesores.
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse este mércores a Coristanco para visitar as instalacións do colexio, onde mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación, no día de hoxe, da actuación que se vai levar a cabo e que ten como obxectivo principal a mellora do illamento térmico e da eficiencia enerxética, a reforma do pavimento no patio cuberto e a renovación dos baños.
No que atinxe á eficiencia enerxética, o proxecto inclúe a substitución da cuberta do comedor e da biblioteca por outra de panel de sandwich, a substitución das carpinterías exteriores por aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a colocación dun novo illamento exterior tipo SATE nas fachadas.
En canto ao resto de melloras, vaise a proceder á substitución de todo o pavimento do patio cuberto porque se atopa en mal estado e a renovación dos baños do colexio incluíndo a instalación dun baño adaptado.
Segundo explicou o representante do Goberno autonómico esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.
Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas. Precisamente a este reto responde a rehabilitación integral que se vai acometer no CPI Alcalde Xosé Pichel.