A licitación a renovación da rede de abastecemento de auga de Camariñas


A Xunta de Goberno Local de Camariñas aprobou a contratación do proxecto para a renovación da rede principal de abastecemento de auga ao centro do municipio, que se levarán a cabo na súa maior parte na zona coñecida como ‘A Reja’, valorado en 102.266,95 euros e financiado pola Deputación da Coruña e o Concello, que ven de publicar a licitación do proxecto para o que a Deputación aportará 80.000 euros e o importe restante, 22.266 euros, será asumido polas arcas municipais.

Os traballos implicarán a substitución da actual tubaxe de fibrocemento de 200 mm. que une o depósito de abastecemento de Camariñas co núcleo de Outeiro, onde se realizará a conexión coa tubaxe existente, por unha nova de polietileno.

A alcaldesa, Sandra Insua, reiterou o seu agradecemento ao apoio económico da Deputación para executar unhas obras que permitirán solucionar os constantes problemas de mantemento que está a ter a día de hoxe unha rede que xa é moi antiga e que sofre periodicamente fallos no subministro e avarías.

“Trátase dunha obra importante para Camariñas, xa que esta traída de auga da servizo a uns 2.500 veciños e veciñas, unha cifra que se incrementa notablemente no verán, e abastece tamén a unha das principais industrias conserveiras do municipio”, explicou a alcaldesa.

Pola súa banda, Valentín González Formoso, destacou “o compromiso” do goberno provincial para apoiar aos municipios coruñeses na mellora das súas infraestruturas e servizos básicos coma o abastecemento de auga.

Plano da actuación.