Á licitación a renovación de 200 novas marquesiñas de autobús

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita por 1,2 millóns de euros os contratos para a renovación de 200 novas marquesiñas de transporte público na Comunidade.

As empresas interesadas na fabricación e subministro dos novos refuxios poderán presentar ata o vindeiro 26 de maio as súas ofertas a este contrato cuxo prazo de execución é de 20 meses.

A iniciativa prevé a fabricación destes refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución.

Ademais do contrato de fabricación e subministro, licitouse tamén o contrato de servizo de asistencia técnica para eses traballos, para o que se establece un prazo de presentación de ofertas que finaliza o 11 de maio.

Esta nova iniciativa súmase á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo da creación dunha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, achégalles as marquesiñas aos concellos para que as instalen e asuman a súa conservación e mantemento.

Trátase de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte as inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.