A líder do BNG, Ana Pontón, dá a luz a Icía


A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, deu a luz este martes no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Pontón suspendeu na mañá deste martes toda a súa axenda pública e ingresou de urxencia para recibir á que será a súa primeira filla, á que xa anunciou que chamaría Icía.

“Sinto que hai unha razón máis para soñar un futuro mellor”, expresou a través da súa conta de Twitter.

A través doutro tweet, agradeceu “o bo saber, facer e a profesionalidade” da sanidade pública galega e de “todas e cada unha das persoas” que a atenderon a ela e a Icía durante o parto. “Grazas por facer deste un momento tan inesquecible InmensamenteFeliz”, conclúe.

O nacemento da súa primeira filla produciuse tan só dous días despois do multitudinario acto da súa presentación oficial como candidata á Xunta polo BNG para as eleccións, previstas salvo adianto para o próximo outono.