O departamento de Intervención está a finalizar as operacións contables da liquidación do exercicio económico 2019. Nos próximos días coñeceranse as cifras concretas, pero xa pode adiantarse que as magnitudes resultantes serán positivas e volverán poñer de manifesto a saneada situación económico-financeira do Concello da Laracha.
Despois de que en 2018 a variación do orzamento de gastos con respecto ao exercicio anterior superase a taxa de referencia do crecemento do PIB debido a que o Concello empregara parte do aforro xerado para destinalo a infraestruturas e programas de interese xeral para a cidadanía, neste ano retómase a senda do cumprimento da normativa de estabilidade de acordo ao plan económico-financeiro municipal vixente para o período 2019-2020.
A liquidación do exercicio económico 2019 tamén deixará un remanente líquido de tesourería positivo que estará dispoñible para ser empregado no financiamento de gastos e investimentos ao longo deste ano 2020.
Unha vez completadas as operacións contables e se dispoña das magnitudes exactas, darase conta das mesmas ao Pleno da Corporación municipal.