A liquidación do exercicio económico de 2023 deixará na Laracha un remanente de case 2,5 M€

Pleno Orzamentos_Concello da Laracha.

Os departamentos de intervención e tesourería do Concello da Laracha están a ultimar as cifras do informe sobre a liquidación dos orzamentos xerais do exercicio 2023, que se prevé aprobar a principios da semana que vén. Unha vez máis, volverán poñer de manifesto a saneada situación económico-financeira froito da xestión do executivo local.

Como dato provisional de maior relevancia, o orzamento definitivo alcanza un importe de 14.896.384,04 euros, o que supón un incremento superior a 51 % con respecto ao presuposto inicial (9.850.000 euros), o que é un fiel reflexo da prudencia coa que foron elaborados. As obrigas recoñecidas supuxeron máis de 10,7 millóns de euros, cunha execución superior ao 70 %. En ingresos, no 2023 liquidáronse 12,8 millóns, o que significa máis do 85 % de execución.

Con estes datos, alcánzase un resultado orzamentario axustado positivo de 991.464 euros.

En canto ao remanente de tesourería para gastos xerais total resultante, situarase nunha magnitude de 2.409.147,97 euros. Parte desa cifra, uns 700.000 euros, xa están comprometidos no financiamento da incorporación de remanentes dos exercicios económicos 2023 e 2024. Por tanto, serán en torno a 1.700.000 euros os que quedarán dispoñibles para destinalos durante os próximos meses a sufragar os custes de proxectos de investimento en infraestruturas públicas e a incrementar a gasto nos programas de atención social, fomento do emprego e das actividades culturais e deportivas, entre outros. Este balance provisional da liquidación do exercicio económico 2023 avala as políticas municipais desenvolvidas tanto no último ano como nos anteriores, baseadas na xestión responsable dos recursos dispoñibles para manter a ampla e excelente cobertura en infraestruturas, instalacións e programas que se prestan desde o Concello da Laracha.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha