A loita contra a covid-19, tema central das xornadas da Luz da Ciencia no Dolmen de Dombate

2 minutes read

Esta fin de semana terán lugar no Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, as segundas aulas científicas de A Luz da Ciencia. Baixo o lema «Os segredos da covid-19» trataranse como temas centrais a enfermidade, a súa incidencia na vida diaria da sociedade e tamén se analizará o proceso de vacinación en España.

Para iso contarase coa presenza de reputados investigadores na materia: Federico Martinón Torres, coordinador e Xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, con ‘Covid-19 e vacinas. Quen pode máis?’; Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, con ‘Por que algúns teñen problemas graves coa covid e outros son asintomáticos? A xenética do hóspede’; Marisa Juanes Carrasco, doutora en ciencia e tecnoloxía química pola USC, con ‘A importancia da química na loita contra a covid-19’; e, finalmente, Margarita Poza Domínguez, investigadora sénior do Instituto de Investigación Biomédica e profesora asociada da UDC, con ‘Sistemas epidemiolóxicos de alerta temperá: entendendo a evolución da pandemia da covid-19 en augas residuais’.

Ademais das aulas individuais, Ángel Carracedo e Federico Martinón uniranse a Jorge Mira e a Luis Verde Remeseiro, xerente da área sanitaria da Coruña – Cee, para debater e afondar sobre a cuestión da loita contra a enfermidade nunha mesa redonda co título ‘Que podemos facer para mellorala loita contra esta pandemia?’.

O rexedor cabanés, José Muíño, explicou que as aulas “supoñen un atractivo científico e cultural para Cabana e a Costa da Morte», mentres que o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas, resaltou que «as primeiras aulas superaron totalmente as nosas expectativas e esta segunda cita conta con todos os ingredientes para ser un éxito máis”.

A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate son aulas científicas de carácter trimestral que se celebran en Cabana de Bergantiños e que teñen como obxectivo achegar a ciencia e a cultura á poboación a través dos propios investigadores. Os contidos destas xornadas estarán dispoñibles en www.dacoruna.gal e www.cabana.gal e as redes sociais da Deputación e o Concello de Cabana a partir do 10 de xuño.