A lonxa de Laxe viviu este domingo o segundo e último día das súas xornadas de pesca artesanal celebrando a súa historia e o seu produto. A cita estivo marcada polas dúas novidades desta edición: o nomeamento dos Embaixadores dos Peixes e Mariscos de Laxe e a exaltación gastronómica.
A Confraría de Pescadores de Laxe quixo aproveitar estas xornadas para homenaxear a algunhas das persoas que máis fixeron pola promoción de Laxe e o seu sector pesqueiro. A exconselleira do Mar, Rosa Quintana, o cociñeiro Miguel Mosteiro e Evaristo Castro Lema, comprador histórico da lonxa, recolleron o seu distintivo nun emotivo acto. Tamén foi nomeado embaixador o futbolista Álex Bergantiños, que non puido acudir á cita por compromisos previos. A través dunha mensaxe, o xa exdeportivista emprazou á confraría para fixar unha nova data para recoller o seu distintivo e agradecer o nomeamento.
Tras o acto, chegou o momento da exaltación gastronómica. Nunha carpa instalada onda a lonxa, a Confraría de Laxe serviu unhas 300 racións de navalla e peixe frito do día. Os asistentes gozaron dun variado de especies da lonxa como raia, abadexo, cabala, pescada, sardiña, pedrés, maragota ou escacho. Un menú que ademais foi libre de glute, posto que nas frituras empregáronse fariñas de garavanzo e millo, algo que varios comensais agradeceron á organización.
O programa de actividades completouse cun novo taller infantil e un showcooking para adultos.