O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), Antonio López (Universidade de Santiago de Compostela), Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña), presentaron a manifestación de interese que cada unha das universidades mostrou sobre os 13 novos másteres deseñados ao amparo do estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, impulsado pola Xunta e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).
Unha iniciativa pioneira en todo o Estado na que participaron máis de 80 expertos e que serviu para definir unha listaxe de 13 másteres universitarios adaptados ás necesidades da sociedade do futuro que completarán, mellorarán e reforzarán a oferta académica das universidades galegas. O informe foi presentado o pasado mes de xaneiro, e inclúe as principais titulacións para axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da próxima década, en ámbitos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, o vehículo autónomo ou a intelixencia artificial.