A maioría dos concellos galegos iniciarán este venres a desescalada abrindo a hostalaría


  • Establecéronse tres niveis de restricións tendo en conta a incidencia acumulada a 14 días e a presión hospitalaria.
Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou os novos pasos para a desescalada gradual en Galicia tendo en conta a situación epidemiolóxica na Comunidade e unha vez analizados os datos no comité clínico. O presidente autonómico incidiu en que as medidas non serán homoxéneas en toda Galicia “senón que haberá varios niveis que se irán aplicando segundo a situación pandémica e hospitalaria de cada ámbito xeográfico”, dixo, precisando que se dará moita máis importancia á incidencia acumulada a 7 días que a 14 días.

Medidas comúns a todos os concellos

  • As clases universitarias presenciais retomaranse o día 1 de marzo, tal e como estaba previsto. Realizaránselle cribados aos estudantes.
  • A partir da vindeira fin de semana poderán abrir os centros comerciais.

Medidas por concellos segundo a IA. Tres niveis:

Nivel máximo / Nivel 1 (IA de 500 casos por 100.000 habs. a 14 días):

Nestes concellos as medidas non cambian. A hostalaría continúa pechada, non pode haber reunións entre non conviventes e tampouco se permite a mobilidade entre concellos.

Afecta a 10 concellos: Corcubión, Curtis, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, Toques

Nivel medio / Nivel 2 (IA entre 250 e 500 casos por 100.000 habs. a 14 días):

A hostalería pode reabrir desde este venres, pero só con terrazas ao 50% de aforo e ata as 18:00 horas. As reunións entre non conviventes poderán ser dun máximo de 4 individuos. Ademais, permítese a mobilidade entre os concellos que teñan a mesma incidencia.

A maiores, neste nivel sitúanse todos os concellos que conforman as áreas sanitarias da Coruña, de Ferrol e de Pontevedra.

Nivel baixo / Nivel 3 (IA de menos de 250 casos por 100.000 habs. a 14 días):

A hostalería poderá abrir cun 30% do aforo en interior e cun 50% en terrazas, e ata as 18:00 horas. As reunións entre non conviventes quedan limitadas a un máximo de 4 persoas e está permitida a mobilidade entre concellos co mesmo nivel.

XIMNASIOS E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Feijóo salientou que os concellos tanto do segundo como do terceiro nivel “tamén avanzan na desescalada no ámbito deportivo”. Así, desde este venres permitiranse aos grupos de ata 4 persoas non conviventes a práctica deportiva, sempre con máscara; e, ademais, poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas, sempre respectando aforos, distancias, medidas de prevención e co uso permanente da máscara.

O responsable do Executivo galego concluíu apelando á responsabilidade social e á cautela de todos para seguir dando pasos “pouco a pouco” e seguir avanzando.