Todo apunta a que o 2022 será o ano dos reencontros, algo que teñen claro desde a organización da Maker Faire Galicia, que volve ao mundo físico cunha edición híbrida que promete ser espectacular. O Concello de Santiago colabora un ano máis co evento.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia e Innovación.
Entre os primeiros relatores destacados desta edición atopamos referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos das startups, a educación STEAM, a saúde mental, a inclusión ou a innovación social.
Pepe Martín, CEO de Minimalism, startup referente tanto en emprendemento consciente como en trasparencia ou sustentabilidade, participará nas xornadas da industria o 2 de xuño.
Na tarde do día 2, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destaca a participación dos galegos Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos, e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual, que recentemente fundaron Aruma Studios.
A xornada educativa, que terá lugar o día 3 de xuño, contará, entre outros, coa presenza de dúas referencias a nivel internacional. Por unha banda Ousman Umar, fundador da ONG Nasco Feeding Minds e gañador do Premio da Fundación Princesa de Girona do ámbito social en 2021. Nasco Feeding Minds é unha ONG onde se desenvolven proxectos educativos e se impulsan aulas informáticas en zonas rurais de África co obxectivo de alfabetizar dixitalmente aos máis novos ofrecéndolles así máis oportunidades.
Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos, onde ademais da numerosa oferta de talleres e proxectos, que volverán encher o Museo Gaiás, contarán con máis relatorios, como o de Paco Ayala, mexicano fundador do proxecto Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial.