A marca Berberecho de Noia recibe o certificado de garantía Galicia Calidade

1 minutes read

Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade, reuniuse cos responsables da marca Berberecho de Noia para facerlles entrega da certificación que acredita que contan co selo de garantía Galicia Calidade.

Trátase dun distintivo para diferenciar os berberechos capturados nas autorizacións e concesións recollidas no plan de explotación para autorizacións de marisqueo a pé e de marisqueo desde embarcación incluídos dentro do plan de explotación en vigor da Confraría de Noia e comercializados mediante algunha das lonxas xestionadas pola propia confraría. Os berberechos baixo esta marca cumpren as seguintes características: produto capturado na ría de Noia, con artes de pesca artesanais e sostibles e no seu momento óptimo de consumo.

Con Berberecho de Noia xa son máis de 150 as empresas galegas que contan na actualidade co selo de Galicia Calidade, unha distinción que busca impulsar a competitividade e achegar confianza e seguridade aos consumidores.