A marca Costa da Morte – Terra Atlántica ponse en marcha con 19 empresas adheridas

2 minutes read

O Pazo das Torres do Allo, en Baio, no Concello de Zas, acolleu este xoves un novo acto da marca territorio «Costa da Morte. Terra Atlántica». A xornada estivo dividida en dúas partes: unha primeira na que se proporcionou información sobre a adhesión á marca, os seus beneficios, e as accións que se están levando a cabo para xestionala e promocionala; e unha segunda na que tivo lugar a sinatura de convenios de adhesión e entrega de credenciais ás empresas que xa están adheridas.

Presentación do acto a cargo do Presidente do GDR Costa da Morte, Manuel Muiño.


No acto contouse coa participación de Manuel Muíño, Presidente do GDR Costa da Morte, e José Antonio Vila, Xerente do GDR Costa da Morte, ademais de entidades e institucións da zona, e representantes da maioría das empresas que xa forman parte de Terra Atlántica ou que están en proceso de adhesión, ás que se sumaron outras que amosaron interese polo proxecto.
Os relatores falaron da traxectoria que levou á creación da marca territorio, do seu desenvolvemento e do traballo que se está levando a cabo para dar visibilidade e aportar valor engadido aos produtos e servizos da Costa da Morte. As accións xa realizadas no eido da comunicación, e as previstas para os vindeiros meses, foron tamén expostos aos asistentes.
Para finais do mes de outubro está prevista a celebración dun evento de presentación pública da marca, do que anunciarán detalles proximamente.

Impulsada polo GDR Costa da Morte, esta iniciativa para a creación dunha marca territorio busca consolidar e potenciar a identidade da zona, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. Terra Atlántica pretende distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos e servizos de empresas da Costa da Morte.

Asistentes ao acto.