Dende a Marea Galeguista veñen de remitir un escrito á Xunta Electoral en relación á campaña iniciada pola Xunta con data do 26 de xuño na que, segundo indican «comezaron a emitir anuncios institucionais onde, coa excusa do risco de contaxio por coronavirus nos colexios electorais, recomendan á poboación levar o voto directamente da casa».
Para a Marea Galeguista, debe terse en conta, tal e como indican no escrito, que «non todas as formacións políticas envían papeletas de votación aos domicilios, pois esta práctica dalgúns partidos é voluntaria», incidindo dende a formación no custoso que resulta esta práctica, así como no «enorme dano ambiental pola cantidade de papel que se emprega na súa realziación (máis de dous millóns de sobres, folios e papeletas nos envíos).
Ambas razóns, tanto as económicas como as ecolóxicas, fan que formacións como a Marea Galeguista non realicen estes envíos.
A recomendación da Xunta, para a Marea Galeguista, «coloca en peor posición a estas formacións políticas», como xa indicou o candidato á presidencia da Xunta, pancho Casal, durante a fin de semana, pois «as persoas votantes poden pensar que só se presentan ás eleccións as formacións que envían papeletas a casa, pensando que só poden optar entre elas, deixando fóra a todas aquelas forzas políticas que non fan envíos».
Esta recomendación, por tanto, «induce a erro sobre a oferta electoral e vicia o consentimento dos electores ao formarse unha opinión errónea sobre as opcións políticas dispoñibles para exercer o dereito ao voto», xa que segundo indican dende a Marea Galeguista, «esta campaña publicitaria fai quebrar o principio de igualdade das formacións políticas na concorrencia ao proceso elecotral, ocasionando a infracción do art. 14 da Constitución en relación ao artigo 23CE, ademais de supoñer o quebranto do principio de neutralidade da publicidade institucional, que recomenda algo que só cumpren determinadas opcións políticas e que, non era obrigatorio nin coñecido para todas as formacións no momento de adoptar a decisión de enviar ou non os sobre ás casas».
Por estas razóns, dende a Marea Galeguista esixen á Xunta Electoral que tome medidas para que «esa campaña sexa retirada, dado que esa recomendación esta baseada nunha cuestión de saúde pública: o temor a un incremento no risco de contaxios pola realización dunha práctica que a Xunta considera de risco: a escolla de pepeletas no lugar regularmente habilitado segundo a lexislación electoral nos colexios electorais».
Para a formación, «ese temor ou está infundado, en cuxo caso a recomendación debe ser retirada, ou é fundado, en cuxo caso o sistema de votación debe ser modificado, porque é inaceptable que o exercizo regular do dereito de sufraxio activo conleve un incremento do risco de contaxio por coronavirus, o que evidenciaría o fracaso das medidas adoptadas polas administracións para garantir a seguridade e saúde da poboación durante a xornada electoral», situación na que afirman «estaríamos ante a sospoeita da incapacidade instituicional de garantir o dereito de todas as persoas á súa saúde (artigo 43 da Constitución) durante o exercizo dun dereito fundamental (recollido no artigo 23 da Constitución), o que non é aceptable en termos de calidade democrática deste proceso electoral».
Polas razóns anteriores, dende a Marea Galeguista solicitan da Xunta Electoral que obrigue á Xunta de Galicia a retirar a citada publicidade institucional que recomenda levar o voto da casa.