A mascarilla deixará de ser obrigatoria en exteriores a partir do 26 de xuño


O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou este venres que a próxima semana haberá un Consello de Ministros extraordinario no que se decidirá que a máscara por mor da pandemia de coronavirus deixe de ser obrigatoria en espazos ao aire libre a partir do sábado 26 de xuño. Sánchez avanzou esta decisión ao comezo da súa intervención na clausura da XXXVI reunión do Cercle de Economía que se celebra en Barcelona. Segundo anunciou, o xoves 24 haberá un Consello de Ministros extraordinario no que se aprobará a eliminación da obrigatoriedade da máscara a partir de dous días despois, o sábado 26. Con esta medida sinalou que se volverá a gozar dunha vida na rúa sen máscara e rendeu homenaxe a todos os españois que foron disciplinados e ao traballo dos profesionais sanitarios.