A maxia de Razo-Baldaio abre o ‘X Outono en Marcha’ de Senda Nova

X Outono en Marcha_Senda Nova

  • Unhas 30 persoas da zona de Bergantiños e da cidade da Coruña participaron nesta ruta que se realizou o pasado domingo, día 10

Dez anos de percorridos pola natureza onde misturar coñecementos, cultura e tradición non se celebran todos os días, senón que llo digan á asociación ambiental Senda Nova que este pasado domingo conmemorou o décimo aniversario do programa Outono en Marcha e, por suposto, fíxoo cunha nota ruta: Razo-Baldaio para protexer.

A andaina comezou na capela de Santa Mariña de Razo para posteriormente circular pola «fachada atlántica do concello de Carballo a través de múltiples paradas para o coñecemento», sinalan desde a organización. En total foron 15 quilómetros onde case 30 participantes de diferentes zonas de Bergantiños e da Coruña se mergullaron na «xeoloxía, bioloxía, cultura e paisaxe aberta ao mar».

Coma sempre, as explicacións xeográficas sobre o que se ía descubrindo polo camiño xurdiron da voz de Evaristo Domínguez Rial, pasando por Punta do Chan de Razo (albiscando desde as Sisargas ata Cabo Prioriño) e localizando Caión, Punta Langosteira ou Malpica ata chegar a Arnados, máis coñecido antigamente (e de xeito despectivo) como “Os Areos” ao ser, décadas atrás, un terreo improdutivo «que non ofrecía posibilidades de forxados asentamentos humanos», afirman desde Senda Nova. Algo totalmente diferente á actualidade, sendo epicentro do surf e da hostelería.

Na zona de Baldaio, a praia, a duna, a lagoa e a marisma foron lugares a visualizar e a espremer dende o punto de vista do saber ao acharse «diferentes ecosistemas e unha igual problemática para a conservación, que radica na falta de sensibilización e nun boom de ocio incesante e crecente».

A ruta finalizou no Castro de Castrillón, no mirador «máis importante de Baldaio e un dos múltiples asentamentos prerromanos», destacaron desde a entidade medioambiental, pasando antes polas igrexas de Rebordelos e de Lema.