A mellora da conectividade no Casco Histórico compostelán entra na fase final

1 minutes read

O operador Orange vén de iniciar o proceso para activar as primeiras altas de servizo nas rúas do Franco e do Vilar. Tras comprobar o correcto funcionamento da nova rede nestas primeiras unidades inmobiliarias, iranse incorporando outras rúas nas próximas semanas co obxectivo de cubrir toda a área o máis axiña posible. Nesta fase resulta fundamental o control da instalación das acometidas individuais de cada unidade inmobiliaria para seguir a garantir a máxima protección patrimonial neste paso final do despregamento.

Esta é a última fase do proxecto impulsado pola Amtega, o Concello de Santiago e a dirección xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para facilitar o despregamento de redes de telecomunicacións nesta zona especialmente protexida. O primeiro paso foi a elaboración dun catálogo de solucións técnicas, ao que seguiu o lanzamento dunha consulta pública a operadores, que concluíu o pasado mes de xuño coa solicitude de licencia de despregamento por parte de Orange.

Desde entón, o operador veu desenvolvendo os traballos necesarios para dotar da infraestrutura fixa de telecomunicacións aos inmobles do conxunto histórico, cun investimento de 2,4 millóns de euros. Este despregamento levouse a cabo utilizando caixas de baixo impacto visual nas fachadas e as canalizacións soterradas existentes

Cómpre lembrar que esta iniciativa abrangue todo o ámbito do Plan Especial, non só a améndoa do casco histórico. O proxecto contempla, tamén, a obriga na compartición de infraestruturas, o que permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange.