Este mes de maio, o Concello de Coristanco convídanos a desfrutar das nosas letras co conxunto de actividades propostas para conmemorar a nosa lingua e a nosa riqueza cultural.
VIII CERTAME ASUNCIÓN ANTELO| Este certame convocase por iniciativa do Concello de Coristanco coa colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e Cra A Tarandeira.
Asunción Antelo converteuse nun referente artístico e literario grazas a súa gran bagaxe e legado cultural formado por innumerables obras de madeira, pedra e barro; e da que afloraron tamén ringleiras de versos froito da súa vizosa creatividade. Asunción representa a ruptura dos estigmas das mulleres do rural, como ela mesma dicía, “Eu nacín antes de tempo”. Artista multidisciplinar, lenda da comarca de Bergantiños, mantense viva na lembranza de todos cun pano na cabeza e vestidiña de negro, gardando cadernos de versos ou textos en prosa onde deixou recollido o seu imaxinario mundo creativo.
A finalidade desta convocatoria, un ano máis, é conmemorar a herdanza desta autora con gran sensibilidade e emoción poética, que escribía con liberdade, poemas nos que describía cos detalles máis minúsculos, pedaciños da súa vida. Pretendemos así fomentar os valores literarios, promover a creación e a difusión cultural de Coristanco e descubrir o talento tendo como inspiración a Asunción Antelo, Rexubeira de Bergantiños.
Prazo de presentación: 3 ao 15 de maio de 2023
Lugar de presentación: CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e Cra A Tarandeira.
Modalidades: Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo.
A TRASTENDA DOS CONTOS | O 15 de maio, ás 18h, Caxoto tráenos “Unha galaxia che de letras galegas”. Francisco Fernández del Riego foi sempre un home entregado a unha causa: Que a lingua galega e a súa literatura brillasen con luz propia na noite dos tempos. Para homenaxealo faremos un percorrido no espazo/tempo a través dunha galaxia chea de Letras Galegas dende a súa traxectoria vital.
Neste espectáculo para toda a familia Caxoto amosa os seus coñecementos de astronomía facendo un percorrido por algunhas das nosas estrelas literarias máis rutilantes e así falarnos das súas vidas e das súas obras. Unha viaxe sideral que partirá dende a nosa máis escintilante estrela Rosalía de Castro e pasará por outros corpos celestiais como Castelao, Manuel María, Xela Arias, Cunqueiro… nunha homenaxe da literatura galega a un dos seus máximos benfeitores, o gran Francisco Fernández Del Riego.
ROTEIRO LITERARIO de ASUNCIÓN ANTELO | O mércores 17 de maio, dende a Biblioteca Municipal realizarán un itinerario narrativo que percorre os espazos vitais e literarios da Rexubeira de Bergantiños. Este percorrido levaranos ata o fermoso mural de Miguel Anxo Calvo sito en Seavia onde se realizará un recital para homenaxear á escritora local.
CONCERTO CORAL | O 17 de maio tamén poderesmo desfrutar do Concerto da Letras Galegas da man da CORAL POLIFÓNICA SANTA CECILIA DE TRABA acompañados pola CORAL POLIFÓNICA DE CECEBRE. Este concerto será ás 20h no Salón de Actos do Edificio de Servizos Múltiples.
ENTREGA DE PREMIOS CERTAME ASUNCIÓN ANTELO | O 26 de maio realizarase a entrega de agasallos aos premiados no Certame literario de Asunción Antelo nas diferentes modalidades.