A Mesa de Contratación da Laracha avanza na adxudicación de varios proxectos

Concello de A Laracha_GOOGLE MAPS

  • O contrato de maior importe, por máis de 943.000 euros, é o da xestión do punto limpo e a limpeza viaria

O Concello da Laracha reuniu a Mesa de Contratación para avanzar no procedemento de adxudicación dunha serie de contratos realizados polo procedemento aberto e publicados na Plataforma de Contratación del Sector Público.

En case todos os casos se abriron as plicas das características técnicas dos licitadores excepto no procedemento relativo á implantación dunha aplicación para a Policía Local, grazas a cal se modernizará a xestión administrativa e operativa do corpo. O valor estimado do contrato ascende a preto de 37.000 euros por un período de dous anos, prorrogables por outros dous, e hai cinco ofertas.

Punto limpo e limpeza viaria. O contrato de maior importe, cun valor estimado total de 943.799,62 euros máis IVE e unha duración de catro anos (dous prorrogables por outros dous máis), é o da xestión do punto limpo e a limpeza viaria. A participación está limitada a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.

Co propósito de incrementar a competencia e facilitar as licitacións das pequenas e medianas empresas, a contratación dividiuse en dous lotes diferenciados. O lote 1 é o servizo de limpeza viaria e da praia de Caión, e dúas empresas aspiran á adxudicación deste contrato.

O lote 2, valorado en 282.917,10 euros máis IVE, inclúe a xestión das instalacións do punto limpo, o servizo de recollida de voluminosos a domicilio, a recollida dos colectores de papel-cartón, vidro e roupa e, por primeira vez, inclúese a xestión dos novos colectores de aceite de uso doméstico que serán implantados polo Concello. Neste caso presentouse un único licitador.

Aluguer de parcelas privadas para aparcamento. O Concello promove esta iniciativa co obxectivo de aumentar as prazas de estacionamento público e gratuíto nas inmediacións do recinto feiral de Paiosaco, do centro de saúde da Laracha, do complexo deportivo da piscina municipal e da Casa da Cultura. Os contratos de aluguer terán unha duración máxima de catro anos.

Contratos de obras na rede viaria. Tamén están en fase de contratación tres proxectos de obras na rede viaria municipal valorados nun total de 235.000 euros e que serán cofinanciados con fondos do programa provincial POS+.

Na parroquia de Caión realizarase unha intervención en Xermaña coa finalidade de mellorar tanto a rede de saneamento de residuais como a superficie de rodadura en dous camiños públicos. Rexistráronse tres licitadores.

Outro proxecto, ao que se presentaron nove empresas, consiste na renovación do pavimento da estrada O Chamusco-Arén (parroquia de Cabovilaño) e no núcleo de Bocixa (Soandres).

A terceira intervención afectará a vías en núcleos de poboación de seis parroquias, en concreto de Cabovilaño (Nogán, As Ribas, A Teixoeira e Cardois), Soandres (O Campo Medado), Vilaño (Vilaño Vello), Montemaior (A Ribeiriña e A Cerdeira), Lendo (accesos a Lista e Os Abelares) e Coiro (O Pereiro). Neste caso son cinco os aspirantes á adxudicación do contrato.