A sección comarcal da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños denunciou a celebración dunha sesión de baile latino incluído na programación do Día das Letras Galegas.
Desde a organización en defensa da lingua critican que o que debera ser unhas xornadas de difusión das obras e do pensamento das nosas e dos nosos escritores e de estimulación do uso do galego, fica convertido en actos festivos que nada teñen que ver co día de celebración a prol do noso idioma.
O responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños, Xosé Cotelo, cualificou a situación de “rocambolesca e vergoñenta”, pois afirmou que “o goberno local despreza un día tan sinalado para a nosa cultura, como é o Día das Letras Galegas, dándolle tratamento dun simple día de verbena, valeirándoo de contido e ridiculizándoo cun baile que nada ten que ver co dia das Letras Galegas”. Cotelo afirmou que “isto xa non é un desleixo, senón unha burla e un desprezo á nosa lingua e á nosa cultura”, e lembrou que a entidade en defensa da lingua xa solicitara ao actual equipo de goberno un maior compromiso co galego en varias ocasións e que xa tempo atrás xa motivara as protestas da Mesa cando o programa da Letras Galegas incluía unha obra de teatro en castelán.
Xosé Cotelo aproveitou a ocasión para demandar de todos os concellos bergantiñáns “un compromiso real co galego, como entidades máis próximos as persoas, desde onde o seu traballo a prol da nosa lingua é fundamental para promover o uso e prestixio do noso idioma e asegurar a plena normalización e a súa supervivencia do galego”.