A mocidade da Laracha pode participar este verán en programas de intercambio en Italia e Alemaña

Venecia, Italia_PIXABAY

  • A inscrición estará aberta entre este xoves e o martes da próxima semana

Os mozos e mozas laracheses de entre 18 e 30 anos poden inscribirse, desde este xoves e ata o próximo martes, en dous programas xuvenís de intercambio nas cidades de Venecia (Italia) e Berlín (Alemaña). Esta iniciativa é un dos resultados das relacións establecidas entre o Concello da Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.

Para acudir a Berlín hai sete prazas dispoñibles. O programa desenvolverase do 27 de xuño ao 6 de xullo baixo a organización do Distrito de Renickendorf. Entre as actividades a realizar inclúense visitas ás cidades de Dresdren e Postdam, museos e ao teatro Friedrich Stadt Palast.

No caso de Venecia, a organización será a cargo do Polo Tecnico Professionale de dita localidade italiana e desenvolverase do 2 ao 9 de xullo. Ademais de coñecer a cidade e outras localidades do seu entorno, visitaranse os puntos de interese máis importantes e realizaranse actividades culturais. Hai dez prazas dispoñibles para mozos laracheses.

En ambos casos os participantes, que viaxarán acompañados por monitores, soamente deberán abonar 100 euros como cota de inscrición, facéndose cargo a organización dos gastos do aloxamento, manutención, desprazamentos no destino, entradas aos museos e todas as actividades que se leven a cabo.

A inscrición, exclusiva para empadroados no concello larachés, deberá formalizarse cubrindo un formulario que se atopa na web municipal alaracha.gal. No caso de que se rexistren máis solicitudes que prazas dispoñibles faríase un sorteo público.