A mostra ‘Antonio Fraguas, memoria dun soño’ exhíbese en Arteixo ata o 30 de setembro


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este mércores á inauguración, onde destacou que “con esta exposición se lle rende tributo a un home comprometido totalmente con Galicia, coa cultura popular e coa lingua galega, que sempre defendeu como idioma de expresión válido para calquera área de coñecemento”.

Acompañárono as concelleiras de Cultura e de Promoción Económica, Participación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Ana Bello e Patricia Amado, respectivamente; e Ramón Vilar, en representación de Ronsel de Ideas, empresa encargada do deseño do proxecto.

Tras pasar por oito localidades galegas desde o inicio da súa itinerancia en maio (Santiago de Compostela, Ourense, Cercedo-Cotobade, A Coruña, Lugo, Vigo e Ferrol), a mostra pode verse desde hoxe e ata o 30 de setembro no Centro Cívico e Cultural arteixán. As tres últimas paradas do ano serán nos concellos da Estrada (na Casa das Letras, do 1 ao 15 de outubro), en Amoeiro (na sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo, do 16 ao 31 de outubro) e en Celanova (na Casa dos Poetas-Fundación Manuel Curros Enríquez, do 1 ao 15 de novembro).